noticias

volver »


Thu, 2011-07-14

A Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal estimula unha maior cooperación entre as cidades de Tui e Valença

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Portugal co alcalde de Tui e co presidente da Cámara Municipal de Valença Gamallo e o director de Administración Local, Norberto Uzal, participaron tamén nunha xornada de difusión dos modelos de cooperación transfronteiriza

Valença do Minho, 14 de xullo de 2011.- Dentro da liña de traballo que está a seguir a Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal, de avanzar na construción dunha Eurorrexión baseada no coñecemento e na proximidade, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe na sede da Cámara Municipal de Valença co Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e co Presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro Mendes.

O obxectivo deste encontro foi analizar conxuntamente cos rexedores a posibilidade de avanzar e profundar na cooperación transfronteiriza entre ámbalas dúas cidades, que xa tiñan colaborado con anterioridade en áreas como as policías locais -coa única comisaria transfronteiriza desta parte- e a xestión das emerxencias.

Na reunión estudáronse as fórmulas para promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre as dúas cidades, de xeito que o “efecto fronteira” deixe de ser un inconveniente para se converter nunha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, promovendo a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador da convivencia entre ambas poboacións.

O director xeral avogou por reforzar a cooperación e mobilidade transfronteiriza para que, conxuntando os esforzos e os recursos, conseguir que os cidadáns teñan unhas administracións e uns servizos mais achegados ás súas necesidades, a través dunha xestión integrada e xerando economías de escala, tamén nos equipamentos existentes nas dúas administracións locais (sociais, culturais, turísticos ou deportivos), ou na solución compartida aos problemas de mobilidade entre os dous concellos.

Novos modelos de cooperación transfronteiriza
Póñense deste xeito en marcha os novos modelos de cooperación transfronteiriza dos servizos colectivos de proximidade que foron expostos nesta mesma mañá na “Xornada de difusión dos modelos de cooperación transfronteiriza” que organizaron en Valença a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal.

Nestas xornadas, ademais do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, tamén participou o de Administración Local, Norberto Uzal, que presentou dúas experiencias en marcha de cooperación entre concellos galaico lusos, concretamente entre A Cañiza, Arbo e Melgaço; por un lado, e Porriño, Tui e Valença, polo outro.

A xornada, destinada aos organismos territoriais de ambas rexións, responsables municipais e organizacións sociais, tivo por obxectivo dar a coñecer e propoñer novos modelos de xestión de servizos colectivos de proximidade, contemplando a posibilidade de xestionar conxuntamente equipamentos socias, culturais, turísticos e deportivos a ambos lados da fronteira.

Fonte: Xunta de Galicia